Laura Collazo: Estrategias de representación identitaria en el discurso contrahegemónico

español en el año 2011. Finalización prevista: 2017

Autora: Laura Collazo; director: José María García-Miguel Gallego

No marco dos movementos sociais, en España tivo un impacto importante o Movemento 15-M – tamén chamado Indignados ou Spanish Revolution -. O interese lingüístico deste movemento radica no seu discurso político e, máis concretamente, na representación dos actores no discurso. A través do estudo das estratexias lingüísticas que empregan os asistentes ás asembleas, será posible determinar quen din eles que son; é dicir, coñeceremos cal é o prototipo de seguidor do 15-M e qué rasgos lingüísticos o diferencian de todos aqueles actores que os membros do movemento consideran opoñentes.

A perspectiva teórico-metodolóxica empregada procede da Análise Crítica do Discurso. Aplicando unha análise cualitativa, pero tamén cuantitativa, os parámetros analizados darannos información sobre cómo o Movemento 15-M representa aos participantes no discurso, cómo se materializa a súa identidade nas expresións lingüísticas para chegar a definir e caracterizar a ideoloxía do 15-M.

Marta Díaz: Socialización bilingüe infantil na familia e na escola: un estudo en nenos de 3 a 5

anos de familias galego-falantes, nun entorno castelán-falante. Finalización prevista: 2017

Autora: Marta Díaz Ferro; director: Xoán Paulo Rodríguez Yáñez

O obxectivo desta tese é realizar un estudo de casos sobre a socialización lingüística de nenos de entre 3 e 5 anos, de familias galego-falantes ou bilingües, que viven en Galicia, e que son escolarizados en centros nos que os seus pares son maioritariamente castelán-falantes. Queremos averiguar como van aprendendo a relacionarse interaccional e conversacionalmente cos seus pares e cos adultos, como a súa experiencia do mundo (social e material) se vai configurando a través das súas incipientes prácticas discursivas en galego e castelán e como van estruturando o seu ser persoal e social.
Analizaremos o tipo de familia bilingüe de que se trate en cada caso, en función do repertorio comunicativo familiar (e do conseguinte tipo de estímulos verbais) e máis á socialización familiar en si, nomeadamente a través da análise de certas rutinas interaccionais específicas. Asimesmo, estudaremos a súa socialización escolar, a través das prácticas discursivas destes nenos cos pares e cos mestres, tentando averiguar se, no centro escollido, existe a posibilidade dun bilingüismo aditivo.
Para isto escollemos unha escola da cidade de Vigo situada nas aforas, agora en vías de urbanización, nunha zona maioritariamente castelán-falante, escola na que escollemos entre 3 e 5 nenos de familias galego-falantes. Ademais, como obxectivo aplicado, queremos crear unha guía dirixida aos pais e mestres de Educación Infantil para intentar desbotar a inseguridade lingüística que a miúdo amosan así como tamén desbotar posibles prexuízos sobre o bilingüismo e máis sobre a lingua feble, neste caso o galego, aínda vivos no século XXI.

Jorge Diz: Fala bilingüe e biculturalidade: prácticas discursivas e identidades rururbanas en

familias emigradas do municipio de Gondomar á cidade de Vigo. Finalización prevista: 2017

Autor: Jorge Diz Ferreira; director: Xoán Paulo Rodríguez Yáñez

A lingua é, segundo a tradición sociolingüística, o vehículo de expresión de unha cultura. Este feito é aínda máis significativo en Galicia, onde a complexidade antropolóxica da sociedade permite distinguir unha poboación rural eminentemente galegofalante e unha poboación urbana que utiliza, fundamentalmente, o castelán. Agora ben, nos últimos anos do século pasado asistimos á aparición de novas formas culturais en espazos simbólicos intersticiais entre o mundo rural e o mundo urbano, onde xorden tamén variedades lingüísticas mixtas ou híbridas. Unha das situacións que da lugar a esta hibridación cultural –e, en consecuencia, tamén lingüística– é, sen dúbida a emigración entre o campo e a cidade.

Esta investigación, que se inscribe no paradigma conversacionalista da orientación microsociolingüística, ten por obxectivo fundamental a análise cualitativa dunha serie de interaccións recollidas nunha rede social na que algúns dos seus membros emigraron á cidade (neste caso, a Vigo) dende unha zona rural próxima (o municipio miñorano de Gondomar). O obxectivo é estudar fenómenos discursivos e conversacionais que se producen nos intercambios comunicativos entre os membros da rede social estudada e, ao mesmo tempo, analizar as formas en que os falantes constrúen as súas identidades bilingües e biculturais a partir dos recursos lingüísticos dos que dispoñen: os falantes, en tanto que bilingües, utilizarán as modalidades lingüísticas que forman parte do seu repertorio comunicativo (é dicir, variedades do galego, variedades do castelán e variedades con code-switching), gradándoas en función das súas necesidades en cada situación concreta e en cada ámbito sociocultural específico.

Maxi Pauser: Enfoque plurilingüe y tratamiento didáctico de la diversidad lingüística en el aula

de español como lengua extranjera. Finalización prevista: 2017

Autora: Maxi Pauser; director: Ángel Rodríguez Gallardo

O multilingüísmo dos estudantes na aula de español como lingua estranxeira constitúe unha das consecuencias do complexo proceso de globalización e supón unha esixencia e un reto didáctico para introducir novas propostas metodolóxicas que axuden a potenciar a aprendizaxe desa lingua. A partir da análise de erros de diferentes discursos –orais e escritos-, procedentes de estudantes de diferentes nacionalidades (todos eles aprendices nun centro de linguas universitario), proponse un novo modelo didáctico baseado nun enfoque plurilingüe e multicultural, adoptando unha perspectiva discursiva co obxectivo de unificar e integrar factores lingüísticos, cognitivos, socioculturais e socio-políticos para así conseguir unha mellora significativa na aprendizaxe da lingua española.

Laura Rodríguez: Mantemente lingüístico e cultural das comunidades inmigrantes: unha visión

dende Vigo. Finalización prevista: 2016-2017

Autora: Laura Rodríguez Salgado; director: Fernando Ramallo

Esta investigación trata de realizar unha crítica ao concepto de integración a través da descrición das prácticas lingüísticas e culturais da poboación inmigrante, así coma unha reflexión sobre o fondo discursivo referente á mesma, dando resposta a como se presenta e que significa na realidade social. Para acadar estes obxectivos, pártese da análise cualitativa mediante entrevistas en profundidade a inmigrantes asentados en Vigo, onde o foco de atención recae no eido do mantemento lingüístico e cultural, e a revisión de textos institucionais. A idea que motiva este traballo é a defensa do mantemento das linguas e culturas de orixe como factor fundamental para afrontar o proceso de integración.

Ana Varela: Lenguaje y demencia: diseño e implementación de un protocolo para el diagnóstico

de déficits de coherencia discursiva en pacientes con Alzheimer. Finalización prevista: 2017

Autora: Ana Varela Suárez; director: Fernando Ramallo

Esta tese aborda cuestións relativas ao dominio da comunicación das persoas con demencia. En concreto, o obxecto de estudo material son os déficits de coherencia discursiva das persoas con demencia tipo Alzheimer. Polo tanto, trátase dun estudo que pertence ao ámbito da pragmática clínica, campo epistemolóxico derivado da pragmática aplicada. A investigación persegue tres obxectivos: (i) a elaboración dun protocolo de análise para avaliar os déficits de coherencia das persoas con patoloxías da linguaxe; (ii) a posta en práctica deste protocolo nun grupo de pacientes para validar a súa eficacia; e (iii) a análise da competencia comunicativa dos pacientes bilingües no momento de seleccionar unha lingua de resposta. A hipótese sobre a que se sustenta o resto do traballo establece que a habilidade para manter unha comunicación coherente deteriórase progresivamente conforme avanza a demencia tipo Alzheimer. O traballo desenvolverase en tres fases: a elaboración do protocolo de análise e selección dos pacientes, a recollida do corpus co que se probará o protocolo e, por último, a análise do corpus. Os resultados desta tese poderán axudar á produción de materiais terapéuticos que contribúan a mellorar a vida dos pacientes.

Celia Fernández: Diccionario, formación e información en la lexicografía monolingüe escolar

española del siglo XXI. Análisis de las deficiencias morfosintácticas y propuesta de optimización.

Finalización prevista: 2019

Autora: Celia Fernández Vasco; director/a: Susana Rodríguez Barcia, Antonio Rifón Sánchez

O obxectivo desta investigación é detectar as deficiencias existentes nos principais dicionarios escolares monolingües do español publicados dende o ano 2000, dirixidos a alumnado de primaria, secundaria e bacharelato, e realizar unha proposta de optimización materializada nun recurso lexicográfico que si dea resposta aos seus requirimentos de información e sexa aclaratorio especialmente en canto á información morfosintáctica recollida nos verbos. Para iso, analizarase un corpus representativo dos principais repertorios escolares, publicados no período comprendido entre os anos 2000 e 2015, centrando a análise na información gramatical que proporcionan relativa aos verbos, sobre todo no que atinxe á estrutura argumental e rección.